Thursday, 17 de May do 2012
 
 
   
Inicio
Cabana
Camariñas
Carnota
Cee
Corcubión
Dumbría
Fisterra
Laxe
Malpica
Mazaricos
Muxía
Ponteceso
Vimianzo
Zas
Bisbarra

Salvacadelos

 


Seguenos no Facebook:




 Para coñecer un pouco mellor o traballo de Marcos Rodríguez


 


Horarios autobuses Costa da Morte




Patrocinado por:

Hotel  Insua patrocina estos Horarios











Os vídeos de Que pasa na Costa


RSS de Que pasa na Costa Semente RSS


Reportaxes realizados

O carballo anano do Pindo declarado "especie amenazada vulnerable"  Correo-e
Monday, 29 de September do 2008

A comunidade da zona carnotá do Pindo está de noraboa. Son moitas as persoas que levan loitando moito tempo por conseguir este recoñecimento. Sen ir máis lonxe, hai xa 7 meses que ADEGA solicitara a consideración de especie protexida para o carballo anano do Monte Pindo. O Quercus Lusitania, especie que tan só se dá en O Pindo e mais en Marrocos, acaba de ser incluída no catálogo de especies amenazadas na categoría de "vulnerables", pola Consellería de Medio Ambiente.

Así o acordaron este pasado venres os membros do Observatorio da Biodiversidade, creado en maio. Ademais, o Decreto do Catálogo de Especies Ameazadas de Galicia contempla a constitución dun organismo aberto á colaboración de expertos.

ADEGA apunta a singularidade dunha poboación pequena cuasi-residual nas abas do Pindo e asegura que solicitará a declaración da área de distribución desta especie e do propio Monte Pindo como Monumento Natural, Paisaxe Protexida ou outra figura de protección ambiental.

Nota de prensa da Xunta de GaliciaImage

O OBSERVATORIO DA BIODIVERSIDADE ACORDA A INCLUSIÓN DO CARBALLO ANANO DE MONTE PINDO (A CORUÑA) NO CATÁLOGO DE ESPECIES AMEAZADAS NA CATEGORÍA DE VULNERABLES

  • Este órgano consultivo, presidido polo director xeral de Conservación da Natureza, mantivo onte a segunda reunión dende a súa constitución, no pasado mes de maio
  • A creación do observatorio desenvolve un dos capítulos do Decreto do Catálogo de Especies Ameazadas de Galicia, no que se contempla a constitución dun organismo aberto á colaboración de expertos
  • Os membros do observatorio acordaron por unanimidade a incorporación do carballo anano de Monte Pindo ao catálogo, tendo en conta a súa singularidade
  • A Dirección Xeral de Conservación da Natureza deu conta aos integrantes do Observatorio do estado dos 28 plans de recuperación de especies ameazadas nos que está a traballar este departamento
  • Santiago, 28 de setembro de 2008.- O Observatorio da Biodiversidade acordou a inclusión do carballo anano (Quercus lusitánica) de Monte Pindo, en A Coruña, no Catálogo de Especies Ameazadas de Galicia, coa catalogación de especie vulnerable. Esta decisión foi adoptada pola unanimidade dos integrantes do Observatorio, na segunda reunión que mantén este organismo dende a súa constitución, no pasado mes de maio.Image

    O Observatorio da Biodiversidade está presidido polo director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Xosé Benito Reza, e integrado por expertos, representantes das universidades galegas, asociacións ecoloxistas e técnicos da consellería. A súa creación desenvolve un dos capítulos do Decreto do Catálogo de Especies Ameazadas de Galicia, creado tamén neste ano, no que se contempla a constitución dun organismo participativo, aberto ás suxestións de expertos na materia, para decidir a catalogación ou descatalogación de especies ameazadas.

    Os membros do Observatorio acordaron por unanimidade a catalogación do carballo anano de Monte Pindo como especie vulnerable, ao entender que cumpre cos criterios establecidos e principalmente tendo en conta a singularidade desta especie, que habita nun territorio de un quilómetro cadrado de extensión, con indicación xeográfica no lugar de interese comunitario do Monte Pindo, incluído na Rede Natura 2000.

    Criterios da catalogación de especies ameazadas

    Outro dos puntos abordados na xuntanza do Observatorio foi precisamente a presentación dos criterios obxectivos a ter en conta para decidir a catalogación de especies ameazadas de Galicia. Estes criterios, elaborados pola Dirección Xeral da Natureza tendo en conta os que se seguen noutras rexións e países, foi debatida polos integrantes do Observatorio ata concluír uns requisitos fixos para a catalogación, descatalogación ou cambio de categoría das especies incluídas no catálogo galego.

    A Dirección Xeral de Conservación da Natureza deu conta nesta xuntanza do estado no que se atopan os 28 plans de recuperación e conservación de especies ameazadas nos que está a traballar a consellería. Estes plans están destinados á conservación de 62 especie que están incluídas no catálogo galego. Así mesmo, propúxose aos integrantes do Observatorio que valoren estes plans e establezan a orde de prioridade para o desenvolvemento dos mesmos.

    Coa elaboración destes 28 plans, que se atopan en diferentes fases, Galicia convértese na comunidade autónoma que conta co maior número de planificacións para a conservación e recuperación de especies en perigo de extinción.

    Por outra parte, o Observatorio aprobou o regulamento interno do seu funcionamento e acordou manter unha nova reunión a comezos do vindeiro ano.

    Novas relacionadas

    Fonte

    • Nota de prensa do Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente.
 
 

Contacto: info[arroba]quepasanacosta.com

Todos os contidos baixo Licencia Creative Commos.


Delegación en Corcubión: Galinus, Comunicación en internet



Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com