A pasada fin de semana, a Confraría de Laxe acollía a presentación dun novo documental sobre o mar de Laxe. "Os soños do mar", un documental de Mandeo Records vén a repasar o día a día no porto de Laxe, tentando dar o valor que ten aos traballos dos mariñeiros do noso litoral.
O documental está encadrado dentro do multidisciplinar proxecto de Mar de Laxe. Dentro del xa se realizara a visión de Daniel López sobre o O Naufraxio de Laxe. tamén da man da produtora Mandeo Records.
Se ben a participación do pobo foi exemplar, outros detalles máis concretos da confraría non foron de todo ben recibidos. A falta de promoción da presentación (este diario non recibiu notificación por parte da confraría, e igualmente ocorreulles á mesma produtora) é outra das cousas a valorar, tendo en conta que o pósito non quere recoñecer a autoría da produtora e quere facer de seu o documental.
Por iso, dende a produtora xa pensan noutra presentación oficial do documental.
Triloxía
"Os soños do mar" forma parte dunha triloxía que, por suposto, comezaba coa revisión do Naufraxio, unha tradición de máis de 50 anos. O vindeiro 2010 será completada cunha nova documental.
Estes "soños do mar", ademais de contar cunha BSO de excepción, conta coa colaboración especial de Caamaño Castro. Convírtese en case unha hora de costumismo mariñeiro, tratando a cara máis social do porto de Laxe. E trata de meterse na pel do mariñeiro que marcha día si e día tamén ao mar, sen contar con que expón a súa vida a naufraxios ou piratas...
Making off
O máis interesante para Daniel López foron os traballos de campo. As sesións de rodaxe convertíronse nunha experiencia social impagable para todo o equipo de Mandeo Records, que coñeceron a persoeiros singulares da vida laxense. De feito, logo de tantos días de rodaxe os produtores xa fixeron máis que amigos no porto.
Podedes botar un ollo a este vídeo sobre os traballos de rodaxe en Laxe, e ademais podedes pasar pola web da produtora (madeorecords.com) para ver os trailers, poios aínda non está dispoñible o documental completo: