Alucino. Nestes días fálase moito da solución que se lle vai dar ao “Valle de los Caídos”. En concreto aos restos do dictador que alí “descansa”, nunha situación ben diferente á dos caídos esquecidos. Aqueles represaliados que viviron nas súas carnes aquelo de que despois da guerra, ven a vitoria…. Mortos con familias que nunca chegaron a coñecer o destino dos restos dos seus seres queridos. Alucino escoitando a un persoeiro que promete facer correr ríos de tinta ao longo da próxima lexislatura: Esteban González Pons. O voceiro do PP despacha o tema cun titular que define o populismo do que fai gala habitualmente: “a la gente lo que le preocupa es el paro”. Un mantra do que botan man os políticos para xustificar a falta de ganas para afrontar algo. Sen lugar a dúbidas o paro é o principal problema desta sociedade. Cinco millóns de desempregados que precisan solucións. De culpas falaremos noutra ocasión… Pero sorprende a vulgaridade do argumento máis ca nada porque queda a impresión de que a Administración é un ente pobre, carente de medios para poder facer dúas cousas a un tempo. Acaso se se traballa no problema do paro, non se pode afrontar o da Sanidade? Buscar solucións en Educación imposibilita atopalas en Infraestructuras?. Evidentemente, non. Todo se resume en dúas palabras: ter ganas. E sinceramente, no PP non as teñen. Afrontar o borrado da herdanza do dictador incomoda aos populares.
Non é a miña unha afirmación gratuita. Pero ao PP, falar do franquismo orixínalle picores. Precisaron anos para condear no Parlamento o alzamiento fascista. No seu día non lles fixo graza a retirada das moedas coa faciana de Franco. A día de hoxe moitos alcaldes populares remolonean e desafían a Lei de Memoria Histórica, evitando trocar o nome a esas rúas que “tan merecidamente” homenaxean a golpistas, militares sediciosos e persoeiros cuxo único mérito é ter buscado a aniquilación total do rival político. Unha desobediencia á lei en toda regla. Como aquela que denunciaban os populares e que facían os abertzales en Euskadi, cando seus representares non recoñecían o poder das leis españolas… Pois parecido.
Nesta sociedade na que se nos enche a boca fallando de vítimas, podemos ver claramente como se establecen categorías á hora de falar delas. Os ideólogos populares preguntaban cal sería o sentir daquelas persoas ás que ETA privou dun ser querido cando pasan por unha rúa que homenaxea aos asesinos?. Fagan a analoxía, que non irán desencamiñados. As vítimas non merecen o argumento de “deixen de revolver na porquería”. As vítimas non son porquería, son pais, irmáns, tíos, avós… Son historias de amor truncadas, son perdas e traxedias familiares, son fillos que medraron sen aqueles que lles deron a vida, son anos de humillación…
Que gran ocasión para deixar claro que poden soltar un lastre e falar deste tema, coma di Mariano Rajoy, con normalidade.
Famoso filme que me ven á cabeza cada vez que penso no que está a suceder na Caixa Galega… Ou no banco, que un xa non sabe por onde vai o invento…
Resulta que unha banda organizada bota a pique a entidade financieira que ten o aforro dos galegos. Lonxe de pagar por iso, reciben unha gratificación polo traballo feito, co cal xa sospeito se o obxectivo era afundir a entidade. Ao final o do sur e o norte só era o xeito de nomear aos dous comandos que perpetraron o atraco. Uns asaltantes que desfrutan dun retiro dourado a costa de todos nós.
Por suposto, as desgrazas nunca veñen soas. Case que ao tempo que dan “o golpe”, anúnciase que a obra social é inviable. É dicir, o teatro, as bibliotecas, os espazos sociais, non son viables, porque os cartos están para o que están. Nun exercicio de falta de previsión anúnciase que o excesivo patrimonio inmobiliario lastra á entidade, ao pouco tempo de ter inaugurado a todo luxo un novo centro en Compostela.
Feito o saqueo, chega o momento dos políticos. Feijóo, tras fachendear de ter patroneado o proceso, ágora dí que non sabe nada do sucedido, o Banco de España se encolle de hombreiros, uns cantan e outros asubían e coma sempre, “aquí no ha pasado nada”.
Unha sociedade cunha crecente pobreza, rumbo aos cinco millóns de parados e nun escenario de carencia de recursos para omitas cousas básicas, pódese permitir ser mero espectador deste atraco? Unha sociedade que non esté apodrecida como reacionaría?. Porque aquí xa non falamos de feitos moralmente reprobables, traspasamos a barreira e nos instalamos directamente na selva e no todo vale. Entidades con carácter público como as caixas, son víctimas do butrón financieiro das aves rapaces. Outras “privadas” coma a banca viven situacións similares. Digo o de privadas entre comiñas porque quero lembrar que nos seus balances hai moito diñeiro público inxectado por todos para garantir a súa viabilidade. E visto o visto, seica tamén para engordar unha serie de bandullos que non coñecen fartazgo.
Donas e cabaleiros, non se boten as mans á cabeza. Isto é o libre mercado, terra sen lei onde todo vale. Por iso pódese mentir se é para gañar cartos, permítese afundir familias e países enteiros se é para especular e básicamente pódese facer o que lles pete a uns cantos xa que o resto somos espectadores que só pagamos a entrada ao circo. O cheiro a podre comenza a ser insoportable.
Resulta que ese invento adaptable ao gusto do gobernante chamado “austeridade”, vai entrar nos colexios do país coma un elefante nunca cacharrería. O colexio de Corcubión non ía quedar á marxe disto, e segundo parece vaise fomentar a calidade da docencia a base de mesturar nenos de diferentes idades. A brillante idea acostúmase a aderezar con recortes de profesorado, xa que seica botando a tesoira na educación vai mellorar a economía e os mercados deixarán de amolar á Bolsa. En fin…
No medio desta polémica, lembro aqueles días de axitación en Corcubión por mor da instalación dun Club de alterne na zona de Quenxe. A piques estiveron de ir cos fachos en procesión á porta do Club a prenderlle lume. Ata hubo recollida de sinaturas. Todo aderezado cos argumentos máis variados que sempre desembocaban no perxudicial dun negocio deste tipo ao carón dun colexio. “Que vergüenza los niños llendo a clase rodeados de ese ambiente” . Ou o horario escolar era ata moi tarde ou o negocio ese ía ser coma un 24 horas… En resumo: os país e nais montaron en cólera e impediron coa mobilzación que o Club fose instalado naquel lugar. Unha reacción diametralmente oposta á que vemos arestora, ondee non atopamos nin rastro daqueles proxenitores tan preocupados pola formación dos seus cativos. Quizáis os primeiros en reacionar deberían ser os pais e nais da Anpa…pero deben andar moi liados porque semella que a disminución de mestres e o revoltallo de alunos non lles preocupa. Ao alcalde debería causarlle malestar que o colexio da Vila sufra recortes, pero nin está nin se lle espera. Un, que inda non ten fillos pero que agarda telos, non comprende a tranquilidade daqueles que permanecen impasibles ante o deterioro da calidade educativa que van sufrir os rapaces. Algúns por descoñecemento, outros por ignorancia (”ao meu neno non lle afecta” tranquilos, só é o comenzo) e moitos porque non lle importa o máis mínimo… Diferentes xeitos de favorecer a entrada da pobreza na nosa Vila. A pobreza cultural e educativa que soe ser a que anuncia a chegada da outra, a económica, que semella que é a única que importa. De tódolos xeitos eu coido que a pobreza xa está aquí. Porque so unha sociedade pobre pode permitirse non loitar polo seu futuro. Só unha sociedade decadente pode ser pasiva ante as agresións que sofre.
Teño o inmenso pracer de espertar moitas mañás contemplando o Monte Pindo. Desfruto admirando como a cada hora do día ten unha cor diferente, semella un monte mutante. Cambia de cor, pero segundo incida a luz nel, tamén cambia a forma e a textura. Coido que é unha obra da natureza única, unha construción pétrea de tal calibre que non é moi común no noso país. Como non é a miña intención facer unha descrición nen un panexírico do Monte Pindo, vou parar aquí. Só quedo deixar clara a miña condición de entusiasta dese emblema da bisbarra.
Non entendo as razóns para non declarar o Monte Pindo como Parque Natural. Non acabo de comprender porqué non se dota da máxima proteción e porqué non se fomenta con investimentos esa paraxe. As administracións estanse a especializar en actuar sen sentido común e defraudando ao cidadán de a pé.
Tampouco entendo a actuación dos desalmados de turno atentando contra o patrimonio. As pintadas aparecidas no que foi no seu día o Castelo, o cumio do monte, son unha vergoña. Son tamén un termómetro de cómo está a sociedade. Un colectivo que en pleno século XXI sigue botando as lavadoras ao río, maltratando animais, botando entullos no monte, e facendo todo tipo de tropelías que definen aos cabestros que realizan estas actividades.
Nen quero analizar, nen quero facer un post con xeito. Este vai sen xeito, coma este blog, porque só quero deixar claro que me doe constatar o pouco aprezo que lle temos a todo aquelo que convirte o lugar no que vivimos nun sitio tan especial. Monte Pindo, me does. Coma me doen os ríos, as touzas, as carballeiras, as Praia, o mar… Algún día a natureza nos porá no noso sitio e daquela nos preguntaremos porqué.
Moito se anda a falar estes días dunha reforma constitucional. As reformas constitucionais son elásticas coma os chicles. Para certas cousas a constitución é intocable coma o brazo incorrupto de Santa teresa. Para outras reformas abonda con que dous individuos se poñan de acordo, collan un boli de Bic, redacten a reforma e se vote. Nin referendos, nin todas esas historias que che explican os catedráticos de Dereito Constitucional.
A reforma da que se fala nestes tempos ten a súa miga. Trátase de poñer un teito ao endebedamento do Estado. “Endebedarse” é un termo que non debe agradar a ninguén, pero cabe matizalo. Cando calquera de nós mercamos a prazos, estámonos a endebedar. Cando solicitamos un préstamo, endebedámonos. Mentres afrontemos eses pagos, o endebedamento non deixa de ser máis ca un instrumento para repartir os pagamentos. O endebedamento no Estado acostuma a ser moi común para afrontar a construción de estradas, pontes, hospitais e miles de infraestructuras necesarias para todos. Digamos que é unha ferramenta que ven sendo utilizada ao longo dos anos sen que causase escesivos quebradeiros de cabeza.
Por todo iso, o feito de poñer coto a ese endebedamento, é cando menos preocupante. Quen vai a construir aquelo que TODOS necesitamos cando o estado non poida asumilo? Un longo silencio debe ser a resposta.
Detrás deste debate, de novo, tal e como sinalei noutras ocasión, non se agocha máis ca un intento de desmontar ao Estado como aquel que artella os obxectivos comúns de todos e todas nós. Unha vez desmontado, calquera de nós coma indiduos seremos moito máis vulnerables. O dogma liberal de achegarse ao endebedamento cero é simplemente unha maneira de afogar a un Estado que sempre foi molesto para quen ansía un mercado libre e sen atrancos.
O máis triste é constatar unha vez máis coma os nosos destinos son dictados por entes sen responsabilidade e que actúan coa carapucha na cabeza. Falo dos “mercados”. Eses que marcan as reglas e q coas súas actuacións condicionan uns gobernos que últimamente parecen títeres en mans de vai tí a saber quen. A enfermidade na democracia está aí, nesa sensación que empezamos a ter moitos de que ten máis peso un membro dun consello de administración ca un deputado. Esa imaxe crecente de que o nosos futuro se coce en mesas que non son nin a dos gobernos nin a dos parlamentos. Máis ca nada, porque semella que vivimos nun mundo onde os Estados demitiron hai tempo. E mentres, a esquerda… onde está a esquerda?
Desde mañá mesmo volvo a dar a tabarra por aquí, que xa tiven isto abandoado bastante tempo. Porque falar e patalexar é unha necesidade vital e xa calei abondo… Ata mañá, que por hoxe non podo máis, jejeje.
Os grises quedaron abolidos. Non me refiro a aqueles que perseguían a paos aos “rebeldes” na época na que mandaba “Paquito el de Ferrol”. Falo da cor. O gris semella que ficou prohibido. Só hai brancos ou negros. A dialéctica actual é de bandos. Trincheiras nas que o matiz non ten cabida. Os debates se metamorfosearon en feiras de berros ao máis puro estilo “Sálvame”.
Botas un ollo á TDT e tanto da que haxa debates de política, coma de fútbol ou crónica rosa. Tanto ten. Non hai aristas, cada un milita no seu bando e defende aos seus, pase o que pase. Os do Madrid poden xustificar a Mourinho inda que dispare con fogo real nas roldas de prensa, ante todo son merengues. Os do Barça arremuíñanse ao carón de Guardiola pra responder aos ataques recibidos, xustificante que outorga patente de corso. Os pro-Rajoy non poñen un só pero a calquera ocurrencia de Mariano. Se es de ZP, máis do mesmo. E se tentas situarte no medio, o normal é que acabes levando golpes por babor e estribor.
O debate debería ser enriquecedor. Aqui non existe. Só guerra de trincheiras. De verdade que esta é a sociedade que queremos?
A EMISORA DENUNCIA “ACOSO” DO ALCALDE DESDE QUE INFORMA DA OPERACIÓN ORQUESTRA
O Colexio de Xornalistas expresa a súa fonda preocupación polo acoso que denuncia Radio Nordés
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) quere expresar a fonda preocupación que lle producen as denuncias realizadas pola dirección de Radio Nordés Cadena SER sobre o “acoso” que di sufrir por parte do alcalde de Cee, Ramón Vigo.
Segundo a información facilitada polos responsables da emisora, o comportamento do rexedor prodúcese desde que Radio Nordés comezou a informar da imputación de Ramón Vigo no marco da chamada Operación Orquestra.
O CPXG non cuestiona as competencias municipais sobre a concesión de licencias sobre locais, pero si considera desproporcionado enviar á Policía Local a requerir información sobre trámites administrativos, oito anos despois de que a emisora entrase en funcionamento nas instalacións actuais, ou para contactar co director do medio. Este colexio agarda, polo tanto, que o rexedor restableza a normalidade das relacións propias entre un responsable político e un medio de comunicación.
Esta Xunta de Goberno quere mostrar ademais a súa preocupación polo clima que se ten desatado na comarca en relación coas informacións que están publicando medios como Radio Nordés. As chamadas anónimas con insultos e ameazas, como as que denuncia a dirección desta emisora, son totalmente inadmisibles e deben colleitar o rexeitamente do conxunto da sociedade, nomeadamente de aquelas que a representan politicamente.
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2011
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Portugal son os fados de Amalia Rodrígues. Portugal é a revolución dos cravos. Nos admiramos esa parte da historia porque máis ca nunca, qué falta fai unha revolución. A moitos niveis… hoxe máis ca nunca, 25 de abril, sempre!!
Antes de que escriba nin unha liña, xa son consciente de que ao que vou dicir, haberá quen o envolva de tintes políticos. Porque neste Corcubión se dis algo ou deixas de dicilo, é por política, porque algunha xente quere abolir o sentido común, ou sentidiño como lle chamamos por aqui.
O tema non é nin novo nin oportunista. Falo do que se está a facer no peirao de Corcubión. Como xa indiquei hai tempo nalgún outro post deste blog, o peirao de Corcubión cada vez parece máis un poboado chabolista. Temos a teima de encher esa zona, dependente de Portos, de casetos e telderetes de dubidosa utilidade. Nalgunhas vilas estase a facer o posible por poñer en marcha proxectos para abrir as vilas ao mar. Retirar da primeira liña todo aquelo que afea a paisaxe. En Corcubión non. Imos ao revés. Un caseto de obra serve de parapeto na zona sur do porto. Pero ademáis diso, nos últimos tempos afloran coma setas unhas edificacións de discutible uso.
Tras poñer cemento á manta nesa zona, agora chega o postre. Por unha banda unha inversión de Portos no peirao de 1,2 millóns de euros e por outra a nave de Protección Civil. O orzamento déixache boquiaberto comprobando cómo se invirte nunha zona do peirao unha cantidade desorbitada para os ínfimos investimentos que recibe a vila. Dito doutro xeito, gástase máis no peirao ca no resto do pobo.Tremendo dispendio para instalar unha serie de “casetas para pescadores” entre outras cousas. Para qué?. Para estar aí. Todo eso ás portas da construcción dun peirao en Sardiñeiro que fará que moitos dos que conforman o sector en Corcubión, se trasladen para esa parroquia fisterrá.
A segunda é a nave de Protección Civil, nunha máis que discutible ubicación: unha zona axardinada históricamente infrautilizada durante anos. Un lugar que pode ser un magnífico mirador sobre a ría, vai acoller esa nave. Non hai en toda a vila un lugar onde poder situar ese edificio??, é tan prioritaria a súa construción?. Cando menos considero que é discutible tanto a importancia como a ubicación. A importancia, porque como ex-membro desa agrupación de voluntarios, a súa incidencia na vila e o seu equipamento, tampouco requiren a construción en exclusiva dun edificio para tales usos. Hai mil alternativas menos agresivas. A ubicación é un despropósito. A carón do mar, nun xardín e servindo de parapeto ao paseo marítimo.
Entre grandes propostas coma o WC do cemiterio, a praia artificial ou este novo invento, ás veces un ten dúbidas sobre se alguén se parará dez minutos a pensar antes “de ordear”